Saturday 04 de May de 2024

O pleno do 26 de xaneiro aprobará, de forma definitiva, o PEPRI co obxectivo de recuperar o uso residencial e a actividade económica do centro histórico coruñés


Culmina, así, un proceso no que o Goberno local buscou a máxima transparencia, participación e consenso

O Concello da Coruña, a través da área de Medio, Territorio e Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que o Goberno local levará o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán ao próximo pleno do 26 de xaneiro para a súa aprobación definitiva.
Tras recibir o informe favorable por parte da Xunta de Galicia, en concreto da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas, tan só queda este último trámite para que o PEPRI entre en vigor e culminar, así, un proceso que contou coa participación de veciños e colectivos.
Deste modo, o Goberno local convocou a Comisión Informativa de Urbanismo o próximo xoves, 22 de xaneiro, co obxectivo de informar aos grupos da oposición sobre este asunto. O documento aprobarase, de forma definitiva, o próximo luns, 26 de xaneiro, no pleno e a normativa entrará en vigor tras a súa publicación no BOP.

O Concello pon, así, punto e final a unha longa tramitación, á vez que se inicia unha etapa chea de posibilidades, xa que o PEPRI, unha ferramenta actualizada e acorde ao novo PXOM, marcará o inicio dun novo modelo de cidade baseado no coidado do pasado, do patrimonio e na aposta pola rehabilitación e pola mellora da calidade de vida urbana. Este instrumento permitirá devolver o seu protagonismo a este espazo e convertelo nun lugar para vivir, un lugar para visitar, un lugar para traballar e un lugar para crear.